Sunday 05 de May de 2024

O entorno de Romero Ortiz será obxecto de melloras por parte do concello de Riveira


 

O entorno da rúa Romero Ortiz vai a ser obxecto de medidas proximamente. Algunhas como a mellora da accesibilidade en algúns puntos da parte alta xa foi executada por parte da brigada de obras municipal, logo dun compromiso do executivo local nunha xuntanza cun grupo de veciños.

Froito de dita xuntanza e un interese do goberno, que é tamén compartido por outros grupos da corporación, os técnicos municipais elaborarán un proxecto de reordenación da rúa e as súas adxacentes.

Unha das principais medidas a tomar é a da colocación dun semáforo na parte estreita que permita a regulación do tráfico, que xa se atopa en proceso de contratación, así como a elevación dos pasos de peóns que van dende a Residencia de Maiores ata a Praza de Compostela, sempre e cando a titular de dita estrada que é a Deputación da Coruña o autorice.

O Concello de Riveira tamén prevé que no proxecto poidan adaptarse as beirarrúas, no tramo regulado polo semáforo, ao novo ancho de vía e dar unha continuidade que aportará unha mellora substancial en termos de seguridade viaria.

Dende o executivo local estanse levando a cabo as negociacións pertinentes cos propietarios dunha das casas que se atopan fora da aliñación, co fin de poder retirar o muro uns metros atrás e gañar
así un espazo de desafogo nunha das zonas máis estreitas. A vontade de ambas partes é positiva polo que é probable que se chegue a un acordo nos próximos días.

Ademais, a pavimentación das rúas Pombal e Cervantes xa se atopa na última fase de licitación, polo que serán renovadas a principio do vindeiro ano.

Dende o Concello tamén se teñen feitas as xestións ante a Deputación da Coruña para acometer melloras de seguridade viaria na parroquia de Aguiño, concretamente no entorno da Estrada Xeral con rúa Castelao. Dende o executivo preténdese elevar os pasos de peóns.